Condicións de servizo de Google

Última modificación: 25 Outubro 2017 (ver versións arquivadas)

Benvido a Google.

Agradecémoslle que use os produtos e os servizos de Google (a partir de agora, os “Servizos”). Os Servizos proporciónanse a través de Google LLC (a partir de agora, “Google”), cuxo domicilio social está situado en 1600 Amphitheatre Parkway, Mountain View, CA 94043, Estados Unidos.

O uso dos nosos Servizos implica a aceptación destas condicións. Recomendámoslle que as lea detidamente.

Os nosos Servizos son moi diversos, polo que en ocasións pódense aplicar condicións ou requisitos de produtos adicionais (incluídas restricións de idade). As condicións adicionais estarán dispoñibles xunto cos Servizos pertinentes e formarán parte do contrato que establece con Google ao usar os nosos servizos.

Uso dos nosos Servizos

Debe seguir as políticas dispoñibles a través dos Servizos.

Non debe usar os nosos Servizos de xeito inadecuado. Por exemplo, non debe interferir cos devanditos Servizos nin tentar acceder a eles usando un método distinto á interface e ás instrucións proporcionadas por Google. Só poderá usar os Servizos na medida en que a lei o permita, incluídas as leis e as normativas de control das exportacións e das reexportacións que estean en vigor. Podemos suspender ou cancelar os nosos Servizos se non cumpre as nosas políticas ou condicións ou se consideramos que a súa conduta pode ser malintencionada.

Ao usar os nosos Servizos non se converterá en propietario de ningún dos dereitos de propiedade intelectual destes nin do contido ao que acceda. Só poderá usar o contido dos nosos Servizos se o autoriza o seu propietario ou se está permitido pola lei. Estas condicións non outorgan ao usuario o dereito a utilizar as marcas nin os logotipos utilizados nos nosos Servizos. Non poderá eliminar, ocultar nin alterar os avisos legais que aparezan nos nosos Servizos.

Os nosos servizos amosan contidos que non pertencen a Google. Este contido é responsabilidade exclusiva da entidade que fixo que estea dispoñible. Podemos revisar o contido para determinar se é ilegal ou se infrinxe as nosas políticas e podemos eliminar contido ou negarnos a publicalo se temos razóns suficientes para considerar que infrinxe as nosas políticas ou a lexislación vixente. Non obstante, esta posibilidade non implica necesariamente que revisemos o contido, polo que non debe dar por feito que vaiamos facelo.

En relación co uso dos Servizos, podemos enviarlle avisos de servizo, mensaxes administrativas e outros tipos de información. Se o desexa, pode desactivar algunhas destas comunicacións.

Algúns dos nosos Servizos están dispoñibles en dispositivos móbiles. Non utilice estes Servizos de xeito que o distraian e impidan respectar as normas de tráfico ou de seguridade.

A súa conta de Google

É posible que precise unha conta de Google para utilizar algúns dos nosos Servizos. Pode crear a súa propia conta de Google ou pode asignarlla un administrador como, por exemplo, a empresa para a que traballa ou unha institución educativa. Se usa unha conta de Google asignada por un administrador, é posible que se apliquen condicións distintas ou adicionais e que o seu administrador poida acceder á súa conta ou deshabilitala.

Para protexer a súa conta de Google, non revele o seu contrasinal. Vostede é o responsable das actividades levadas a cabo na súa conta de Google ou a través dela. Tente non reutilizar o contrasinal da súa conta de Google en aplicacións de terceiros. Se detecta un uso non autorizado do seu contrasinal ou da súa conta de Google, siga estas instrucións.

Protección da privacidade e do copyright

As políticas de privacidade de Google determinan o tratamento dos seus datos persoais e a protección da privacidade ao usar os nosos Servizos. Se usa os nosos servizos, acepta que Google use os devanditos datos de conformidade coas nosas políticas de privacidade.

Respondemos ás notificacións de posibles infraccións de copyright e cancelamos as contas dos usuarios que cometen infraccións reiteradas de acordo co proceso establecido na Digital Millenium Copyright Act (lei estadounidense de protección dos dereitos de autor).

Ademais, ofrecemos información para que os propietarios de copyright poidan xestionar a súa propiedade intelectual en liña. Se considera que algún usuario está a infrinxir os seus dereitos de autor e desexa informarnos disto, consulte a nosa páxina de axuda para obter información sobre como enviar notificacións e sobre a política de resposta ás mesmas de Google.

O seu contido nos nosos servizos

Algúns dos nosos servizos permítenlle cargar, entregar, almacenar, enviar ou recibir contido. Se o fai, seguirá sendo o titular dos dereitos de propiedade intelectual que teña sobre ese contido. En poucas palabras, o que lle pertence, continuará pertencéndolle.

Ao cargar, entregar, almacenar, enviar ou recibir contido aos nosos Servizos ou a través deles, concede a Google (e aos seus colaboradores) unha licenza mundial para usar, aloxar, almacenar, reproducir, modificar, crear obras derivadas (por exemplo, as que resulten da tradución, da adaptación ou doutros cambios que realicemos para que o seu contido se adapte mellor aos nosos Servizos), comunicar, publicar, executar ou amosar publicamente e distribuír o devandito contido. Os dereitos que outorga con esta licenza limítanse a proporcionar, mellorar e promocionar os nosos Servizos e desenvolver servizos novos. Esta licenza seguirá vixente aínda que deixe de usar os nosos Servizos (por exemplo, no caso dunha ficha de empresa que engadise a Google Maps). Algúns Servizos permítenlle acceder ao contido que lle proporcionaron e eliminalo. Ademais, nalgúns dos nosos Servizos inclúense condicións ou configuracións que limitan o noso uso do contido que se enviou a estes. Asegúrese de ter os dereitos necesarios para concedernos esta licenza sobre calquera contido que envíe aos nosos Servizos.

Os nosos sistemas automatizados analizan o seu contido, incluídos os correos electrónicos, para proporcionarlle persoalmente as funcións relevantes do produto, como resultados de busca personalizados, publicidade a medida e detección de spam e malware. Esta análise prodúcese cando se envía, recibe ou almacena o contido.

Se dispón dunha conta de Google, é posible que mostremos o seu nome e foto de perfil e as accións que leva a cabo en Google ou en aplicacións de terceiros relacionadas coa súa conta de Google (como os +1 e os comentarios que escribe ou publica) nos nosos Servizos, incluído en anuncios e noutros contextos comerciais. Respectaremos as decisións que tome para limitar a configuración de uso compartido ou visibilidade na súa conta de Google. Por exemplo, pode seleccionar a súa configuración de xeito que non aparezan o seu nome e foto nun anuncio.

Para obter máis información sobre como usa ou almacena contido Google, consulte a política de privacidade ou as condicións adicionais de cada Servizo. Google poderá usar os comentarios ou as suxestións que envíe en relación cos nosos Servizos sen ningún compromiso.

Acerca do software dos nosos Servizos

Se un Servizo require ou inclúe software que se pode descargar, este software poderá actualizarse automaticamente no seu dispositivo sempre que existan versións ou funcións novas dispoñibles. Algúns Servizos poden permitir que defina a configuración de actualización automática.

Google concédelle unha licenza persoal mundial, sen dereitos de autor, non asignable e non exclusiva para usar o software que se lle proporcione como parte dos Servizos. O único propósito desta licenza é permitirlle usar os Servizos que ofrece Google e beneficiarse deles, segundo o estipulado nestas condicións. Non poderá copiar, modificar, distribuír, vender nin arrendar ningunha parte dos Servizos nin do software incluído, nin poderá aplicar técnicas de enxeñaría inversa, nin tentar extraer o código fonte do devandito software, excepto en caso de que a lexislación prohiba esas restricións ou se ten permiso por escrito.

Google outorga grande importancia ao software de código aberto. Parte do software que usen os nosos Servizos pódese ofrecer cunha licenza de software libre que poñeremos á súa disposición. Pode que algunhas das disposicións establecidas na licenza de software libre anulen expresamente algunhas destas condicións.

Modificación e cancelación dos nosos Servizos

Google cambia e mellora os seus Servizos constantemente. Por isto, é posible que engadamos ou eliminemos algunhas funcións ou características, ou que suspendamos ou cancelemos un Servizo por completo.

Pode deixar de usar os nosos Servizos en calquera momento, aínda que lamentariamos que así fose. De igual xeito, Google pode deixar de proporcionarlle os Servizos ou engadir ou crear novas limitacións en calquera momento.

Consideramos que é o propietario dos seus datos e que é importante protexer o acceso a estes. Se interrompemos un Servizo, nos casos nos que sexa razoable, informarémoslle con suficiente antelación e permitirémoslle extraer a información do Servizo.

As nosas garantías e renuncias de responsabilidade

Google ofrece os seus Servizos cun nivel de competencia e coidado razoable desde o punto de vista comercial, e esperamos que goce ao usalos. Non obstante non podemos ofrecer garantías en relación con algúns aspectos dos nosos Servizos.

Nin Google nin os seus provedores ou distribuidores ofrecen garantías específicas sobre os servizos distintas ás establecidas de forma expresa nestas condicións ou nas condicións adicionais. Por exemplo, Google non ofrece ningunha garantía en relación co contido dos servizos, coas súas funcións específicas, coa súa fiabilidade, coa súa dispoñibilidade nin coa súa capacidade para satisfacer as súas necesidades. Os servizos ofrécense “tal como son”.

Algunhas xurisdicións establecen determinadas garantías, como a garantía implícita de comerciabilidade, de idoneidade para un fin determinado e de non-incumprimento. Na medida en que a lei o permita, Google exclúe todas as garantías.

Responsabilidade polos nosos Servizos

Nos casos permitidos pola lei, nin Google nin os seus provedores ou distribuidores serán responsables da perda de beneficios, de ingreso ou de datos, nin de perdas financeiras ou de danos indirectos, especiais, derivados, exemplares ou punitivos.

Na medida en que a lei o permita, a cobertura total de Google, así como a dos seus provedores e distribuidores, por calquera reclamación relacionada con estas condicións, incluída calquera garantía implícita, limítase ao importe que pagou para usar os servizos (ou, se Google así o decide, ao proseguimento dos servizos).

En ningún caso, nin Google nin os seus provedores e distribuidores serán responsables por calquera perda ou dano que non sexan previsibles de forma razoable

Google recoñece que vostede pode ter dereitos legais como consumidor nalgúns países. Se usa os Servizos con fins persoais, ningunha das disposicións establecidas nestas condicións nin en ningunha das condicións adicionais limitará os dereitos legais do consumidor aos que non se pode renunciar de forma contractual.

Uso dos nosos Servizos por parte de empresas

Se usa os Servizos en nome dunha empresa, a empresa acepta estas condicións. Eximirase de responsabilidade a Google e ás súas filiais, directivos, axentes e empregados polas reclamacións, demandas ou accións legais que se poidan derivar do uso dos Servizos ou da infracción destas condicións ou que estean relacionados con estes, incluídos todos os gastos ou responsabilidades que se deriven das reclamacións, perdas, danos, demandas, xuízos, custas procesuais e de avogados.

Acerca destas condicións

Google pode modificar estas condicións ou as condicións adicionais que se apliquen a un Servizo para reflectir, por exemplo, as emendas á lexislación ou os cambios nos Servizos. Recomendámoslle que consulte as condicións de forma periódica. Google publicará avisos relacionados coas modificacións destas condicións nesta páxina. Ademais, publicará avisos relacionados coas modificacións que se fagan nas condicións adicionais do Servizo correspondente. As modificacións non se aplicarán con carácter retroactivo e entrarán en vigor nun prazo non inferior a 14 días a partir da data da súa publicación. Non obstante, as modificacións que afecten a novas funcións dun Servizo ou os cambios que se fagan por cuestións legais entrarán en vigor de forma inmediata. Se non acepta as condicións modificadas dun Servizo, deberá deixar de usar o devandito Servizo.

En caso de conflito entre estas condicións e as condicións adicionais, primará o estipulado nas condicións adicionais para a resolución do dito conflito.

Estas condicións regulan a relación entre Google e vostede, e non xeran ningún dereito do que poida ser beneficiario un terceiro.

Se non cumpre estas condicións e Google non toma ningunha medida ao respecto de forma inmediata, non se entenderá que Google renuncia aos dereitos dos que poida dispoñer (como, por exemplo, levar a cabo accións no futuro).

No caso de que unha condición determinada non sexa de obrigado cumprimento, o resto de condicións non se verán afectadas.

Nalgúns países, os tribunais non aplicarán as leis do estado de California para solucionar algúns tipos de conflitos. Se reside nun deses países, nos casos onde non se aplican as leis do estado de California, aplicaranse as leis nacionais aos conflitos relacionados con estas condicións. Do contrario, acepta que as leis do estado de California, Estados Unidos, se apliquen a calquera litixio que se derive destas condicións ou dos Servizos ou que estea relacionada con estes, sen que teñan efecto as disposicións sobre conflitos de leis. Do mesmo xeito, se as leis do seu país non lle permiten someterse á xurisdición dos tribunais do condado de Santa Clara (California, Estados Unidos), os litixios relacionados con estas condicións someteranse á xurisdición local. En caso contrario, tanto Google como vostede aceptan someterse á xurisdición exclusiva dos tribunais federais ou estatais do condado de Santa Clara (California, Estados Unidos) para solucionar as reclamacións derivadas destas condicións ou dos Servizos ou relacionadas con estes.

Para obter máis información sobre como poñerse en contacto con Google, acceda á páxina de contacto.