A UDC acolle o Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións organizado polo departamento de Matemáticas e a entidade SGAPEIO

Nota de prensa

25/10/23 12:41

  • Institucional
  • O XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións 2023 terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC entre os días 26 e 28 de outubro.
  • No transcurso do evento celebraranse as I Xornadas de Innovación Docente na Estatística e Investigación de Operacións.
  • Eduardo Sáenz de Cabezón, recoñecido matemático e divulgador científico, impartirá a conferencia de clausura “O espellismo da maioría”.

 A Coruña, 25 de outubro de 2023.- O departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña organiza, xunto coa Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), o XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións 2023, que terá lugar entre os días 26 e o 28 de outubro na ETS. de Camiños, Canais e Portos. É a terceira vez que a cidade da Coruña acolle este evento, de carácter bianual, despois de que no ano 1993 se celebrase o primeiro congreso e no 2013 o décimo primeiro. A cita desta sexaxésima edición engloba tamén a celebración das “I Xornadas de Innovación Docente na Estatística e Investigación de Operacións”, dirixidas a profesorado de ESO, bacharelato e universidade.

A programación do evento inclúe a celebración de conferencias, mesas redondas, obradoiros e comunicacións, ademais de actividades de carácter cultural, como unha recepción no Concello da Coruña ou as visitas á recentemente inaugurada Cidade das TIC, Inditex ou o Pazo de Capitanía Xeral da Coruña.

O obxectivo deste congreso é contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica da Estatística e da Investigación de Operacións.

 

Sesión Plenaria

O sábado día 28, ás 12:00 horas e xusto antes do acto de clausura, o evento contará cunha sesión plenaria na que Eduardo Sáenz de Cabezón, recoñecido matemático e divulgador científico, impartirá un relatorio que leva por título “O espellismo da maioría”.

Sáenz de Cabezón é profesor titular de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioja, ademais de colaborar en distintos medios de comunicación, como a televisión (Órbita Laika, La Aventura del Saber, TIPS), a radio (SER, Onda Cero, Radio Nacional de España) e prensa escrita (Yorokobu, El Confidencial). Tamén traballa como guionista e presentador do canal de Youtube Derivando, dedicado ás matemáticas, e que conta con máis dun millón de subscritores. Vén de publicar o seu último libro “Invitación al aprendizaje”, e é autor doutras obras como “Inteligencia matemática”, “El Árbol de Emmy” ou “Apocalipsis matemático”, ademais de ser coautor de “Gardner para aficionados: juegos de matemática recreativa”.

A asistencia a esta conferencia ten carácter gratuíto e está aberta a toda a comunidade universitaria.

 

Foto: Eduardo Sáenz de Cabezón

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC